Segundo se lle trasladou á FEGAMP, garantir a viabilidade do servizo que presta aos concellos e continuar a melloralo é precisamente o propósito das novas condicións de adhesión voluntaria a Sogama aprobadas o pasado mes de decembro e que entraron en vigor o 19 de febreiro deste ano.
Sogama trasladoulles hoxe aos representantes dos concellos a vontade de colaborar para manter e continuar a mellorar o sistema de tratamento dos residuos urbanos que se realiza no complexo de Cerceda. Así o manifestou esta mañá o presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey Varela, durante unha xuntanza na que tamén participou o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia, Justo de Benito Basanta, e os membros da xunta de voceiros do órgano de representación municipal.
O presidente de Sogama explicou aos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que o seu principal obxectivo é que a empresa preste o mellor servizo público a todos os concellos que optan voluntariamente por esta vía para xestionar a competencia municipal sobre o residuos domésticos.
Segundo se lle trasladou á FEGAMP, garantir a viabilidade do servizo que presta aos concellos e continuar a melloralo é precisamente o propósito das novas condicións de adhesión voluntaria a Sogama aprobadas o pasado mes de decembro e que entraron en vigor o 19 de febreiro deste ano. Así mesmo, lembrou que o canon de Sogama se sitúa entre os máis baratos de España e foi rebaixado nun 10% desde comezos deste ano.
Javier Domínguez Lino e Justo de Benito Basanta manifestaron a total disposición para procurar acordos con cada un dos concellos que teñen débedas vencidas con Sogama coa fin de conveniar fórmulas de pago para os municipios con dificultades económicas.
O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente tamén recordou o compromiso que a empresa pública ten co correcto tratamento dos residuos urbanos no futuro, un compromiso recollido no Plan de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020. Precisamente, esta folla de ruta do tratamento dos residuos inclúe a construción dunha planta de compostaxe, cuxa execución comezará en Cerceda proximamente.
Durante a reunión, os representantes da Administración Autonómica e da federación de municipios acordaron seguir traballando en accións conxuntas de cara a seguir avanzando na concienciación cidadá e no incremento das taxas de reciclaxe. Así mesmo, ambas institucións tamén avogaron por seguir estendendo o modelo de compostaxe doméstico que actualmente xa funciona en 143 entidades, que inclúen 95 entre concellos, así como 48 centros escolares e colectivos sociais, con máis de 4.000 compostadores distribuídos.
Por último, o Goberno galego e Sogama mostraron a súa disposición para seguir traballando cos concellos na busca de diferentes alternativas, complementarias a Sogama, para a xestión dos residuos.



















